Inicio Centro | Cooperación | Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
     
Inicio | RevistaEnegocio14 | TurismoGalego    


Destino a Galicia desde a Rede

O turismo pisa forte na Rede. Formar parte do "ciberespacio", a través dunha web propia ou ben a través dunha agrupación, é para moitos negocios galegos do sector unha importante vantaxe competitiva. A isto axuda a crecente confianza do cliente nos servicios de reserva on line, seducido pola comodidade de ver e reservar aloxamento a golpe de clic.

España representa na actualidade arredor do 3% do turismo on line europeo, segundo o estudio  "European Online Travel Marketplace: Focus on Spain" da consultora PhoCusWright. Se ben esta cifra é pobre en comparación con outros países, o seu potencial de crecemento é evidente. O turismo é un sector que en Internet está a trunfar sen esforzos. Durante o 2002, conforme este mesmo estudio, en España facturáronse uns 231 millóns de euros, o dobre con respecto ó 2001.

Mirando a Galicia, a entrada na Rede do turismo, a través de axencias, agrupacións, asociacións e páxinas web propias de diferentes tipos de aloxamentos están a impulsar o desenvolvemento do noso propio turismo on line. O informe e-Barómetro 2003 Usuarios realizado polo Observatorio do Centro de Competencias, sitúa ao turismo no primeiro posto nas listas de e-compras dos galegos, seguido das publicacións, música e informática. Tan só nun ano, a porcentaxe de compras turísticas subiu 3 puntos, pasando de significar o 29,70% das compras on line dos galegos a ser o 32,70%.  

A REFERENCIA INSTITUCIONAL
Turgalicia.com, pertencente á Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia da Xunta, é un dos portais [?] de referencia do turismo galego. Conta cunha gran base de datos de recursos e servicios onde se atopan diversos establecementos cos seus correspondentes datos, prezos, fotografías, etc., ademais de espacios naturais, rutas, arquitectura, etc. A web está traducida a sete idiomas. Entre xaneiro e xuño deste ano rexistráronse 4,6 millóns de páxinas vistas. De momento, Turgalicia.com só dá a posibilidade de reservar on line casas de turismo rural, aínda que se prevé ampliar este servicio ó resto dos aloxamentos. Tan só durante o verán fixéronse 250 transaccións para reservas on line directas, e unhas 700 feitas a través de e-mail. Ademais, os usuarios están a probar a implantación do servicio de consultas a través de móbil con tecnoloxía wap.
Segundo Xosé Manuel Merelles, do Gabinete de Comunicación de Turgalicia, o éxito do sector turismo dentro do comercio-e a nivel mundial compróbase na "tendencia a confiar máis nas transaccións electrónicas". Tamén os propietarios de establecementos turísticos empezan a ver a importancia da Rede para a comercialización dos seus productos e, sinala Merelles, “cada vez afinan máis á hora de introducir contidos e de presentar a información". "Con boa calidade o mercado turístico en Internet ten unhas posibilidade infinitas", conclúe.

turismogallego.com
Pasado un mes desde a súa estrea, o portal [?] www.turismogallego.com, tivo 43.000 visitas [?], 1.000 reservas e 400 consultas de información. Esta web foi posta en marcha por El-Muelle Servicios Hosting [?] S.L. en maio de este ano. A valoración do camiño percorrido polo portal [?] é para o seu promotor, Fernando Cores, “moi positiva. Mellor imposible". A xestión vía Internet e a atención ó cliente a través do correo electrónico “durante máis de dezaoito horas diarias” son puntos a favor para esta canle de información e central de reservas, que o cliente sabe valorar.
Sen embargo, a pesar de que Turismogallego.com ofrece servicios como a dispoñibilidade das súas pasarelas de pago ós propietarios que queiran posicionar o seu aloxamento na web, moitos seguen sen dar o paso. Segundo Cores, moitos “non se dan conta do potencial que supón a presencia na Rede”, o que reflicte “a situación (xeralizada) do empresariado galego”, pouco posto ó día nos temas das novas tecnoloxías.

 
Revista


[Anterior :: Novas do Centro]

[Seguinte :: Turismo galego (II)]

 

     

Cooperación | info@e-negociogalicia.com | A Súa Opinión