|
Responsabilidade por contidos ilícitos ou nocivos en Internet
|
|
|
|
|
Unha das cuestións máis debatidas nos últimos tempos é o problema dos contidos ilícitos ou nocivos de Internet. O feito de que poidamos atopar páxinas web que describan con todo detalle como fabricar bombas caseiras ou que fagan apoloxía de ideas xenófobas é algo que inquieta enormemente á opinión pública e ós distintos gobernos.
Na Unión Europea, esta cuestión foi regulada pola Directiva 2000/31/CE, de 8 de xuño sobre Comercio Electrónico, que en España foi transposta pola xa famosa Lei 34/2002, de 11 de xullo, de Servicios da Sociedade da Información e do Comercio Electrónico (LSSICE). Esta normativa tenta adoptar unha postura intermedia, é dicir, rexeita calquera tipo de censura previa dos contidos de Internet, pero atribúe ó Estado a posibilidade de controlar e incluso limitar ditos contidos a posteriori se atentan contra principios tales como a orde pública, a defensa nacional, a dignidade humana ou a protección da infancia. Nestes casos, o artigo 13 e os seguintes da LSSICE atribúen a responsabilidade, civil ou penal, de ditos contidos ilícitos ou nocivos ós suxeitos que os desenvolveron, introduciron ou referenciaron na Rede, excluíndo ós prestadores de servicios intermediarios que só lles deron cauce para a súa propagación sen coñecer a súa natureza. Así, nin os operadores de redes, nin os provedores de acceso a Internet, nin os aloxadores de páxinas web serán responsables daqueles contidos que canalizan ou almacenan se non foron orixinados ou modificados por eles, pero si, obviamente, os clientes que o fixeron. Sen embargo, pódeselles facer responsables dos contidos se non os retiran ou impiden o acceso a estes cando teñan coñecemento efectivo da súa condición ilícita ou dunha resolución que ordene a súa retirada. Como novidade de última hora, a Lei incluiu tamén os suxeitos con enlaces ás páxinas con ditos contidos ou os buscadores que os teñan indexados. Estes poden ser igualmente responsables se non eliminan os casos nas condicións anteriores. Isto pode dar lugar a moitos problemas na práctica. En particular, con aqueles buscadores ou páxinas con milleiros de enlaces que poden ser incluso introducidos por terceiros ou por programas automáticos de rastrexo, o que dificulta o seu control por parte do prestador.
Víctor Salgado Seguín Pintos & Salgado Abogados vsalgado@pintos-salgado.com www.pintos-salgado.com
|
|
|
|
Revista
|
|
| |
|
|
|
|
| |
| |
|
|