Inicio Centro | Cooperación | Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
     
Inicio | RevistaEnegocio14 | IniciativasGalegas    


Galicia aposta polo comercio-e

Son moitas as iniciativas galegas que se sitúan na Rede para ofrecer os seus productos a todo o planeta. Internacionalización e aforro de custos; dúas das grandes vantaxes que pequenos e medianos empresarios perciben a pouco de posicionarse na aldea máis global. Velaquí cinco negocios on line que souberon aproveitar o seu potencial, baseado en gran parte na súa especialización ou no feito de ofrecer algo diferente.




Twips.com: a especialización como base do éxito na Rede

Twips & Handle Slu foi unha das tendas pioneiras en vender e mercar hardware e software pola Rede, onde está presente desde hai seis anos. Cuns 3.000 euros de investimento e "moitas horas sen durmir" naceu a tenda virtual Twips.com. Dende un principio, os propietarios do negocio, afincado en Santiago, foron conscientes do valor engadido que significa especializarse na Rede, polo que optaron por ofrecer, segundo indica o seu propietario, Javier Villaverde, “cousas raras", isto é, productos difíciles de atopar nunha tenda habitual de informática, como por exemplo monitores profesionais ou hardware da empresa americana Supermicro. Villaverde é tamén propietario das páxinas web “superespecializadas”, como Baterias.net, onde atopar baterías e cargadores para ordenadores, portátiles, scanners, etc. e Biosrecover.com, especializada na recuperación de Bios.
Máis dun 80% das vendas fanse a través da Rede, e en breve serán o 100%, xa que Twips pechará a súa tenda física de Santiago.
Sinala Javier Villaverde “hai 6 anos xa aforrábamos en custos teléfonicos e en fiabilidade na información". Hoxe, ao aforro de custos, engádese a case inexistencia de stock (os fabricantes serven ó cliente directamente) e, sobre todo, “chegar a un mercado máis amplo”, comenta Villaverde, e “que sabe que en informática as cousas boas teñen un prezo e non se atopan duros a catro pesetas”.

www.twips.com




El Pote moderniza a súa imaxe corporativa a través da Rede

El Pote é unha empresa de longa tradición en A Coruña. Fundada en 1930,  conta con tres tendas físicas especializadas na venda de productos para a decoración e o fogar, así como mobles, tapicería e alfombras, algúns deles importados de Europa e Asia. A web www.elpote.es opera dende xuño do 2003. Créase para modernizar a imaxe dunha empresa tradicional consolidada e para abrir novos mercados. Aínda que é algo cedo para falar da evolución das vendas a través de Internet (levan só uns meses na Rede), a área da tenda-e funciona  satisfactoriamente. Coa sección "Listas de Boda" os clientes poden coñecer o estado da súa lista de regalos e facilita ós convidados a posibilidade de mercalos dende a Rede. Esta sección é actualizada a diario porque, segundo a responsable da área de comercio electrónico, Maite Conde, "os clientes descobren que poden axilizar a elección dos seus regalos sen ter que vir pola tenda". Para facilitarlle ó cliente unha compra segura, El Pote conta con pasarela de pagos [?] a través de Caixa Galicia. O envío dos productos corre a cargo de Transportes Azkar. O futuro inmediato, segundo Conde, pasa por publicitar máis a web entre os clientes que coñecen as tendas físicas e abarcar o mercado nacional.

www.elpote.es




¿Onde atopar un vehículo a bo prezo?: Auto Moto Ocasión

A web de Auto Moto Ocasión naceu en xullo cun ambicioso obxectivo: concentrar todas as ofertas dos concesionarios de vehículos de ocasión e de segunda man de Galicia nun só portal [?]. Desenvolvida por NetGalicia, o servicio de busca on line de vehículos da web estreouse con máis de 700 referencias, entre coches, vehículos industriais, motos e accesorios. O usuario cubre un formulario coas súas preferencias e amósaselle unha lista dos vehículos que cumpren as condicións definidas. A páxina conta con outros servicios de interese para os afeccionados galegos ó motor, por exemplo, información sobre carreiras. Os seus responsables proxectan ir engadindo máis posibilidades para aumentar a súa interactividade.
A orixe deste portal [?] está na revista Auto Moto Ocasión, presente no mercado galego dende hai case dez anos, cunha distribución de máis de 5.000 exemplares. O seu editor, José Ramón Pampín, afirma que este proxecto aposta por Internet como un medio de difusión dinámico e atractivo que chega ó consumidor. A páxina ten máis de corenta anunciantes profesionais, ademais de anunciantes particulares, que publicitan individualmente os seus vehículos. Os ingresos da web proceden da publicidade e das cuotas dos anunciantes profesionais.

www.automotoocasion.com




O motor dos coches pódese escoitar na web de Don Silencioso

Don Silencioso vende colas e tubos de escape para coches dende 1991. En 1996 os seus propietarios deciden mercar o dominio Donsilencioso.com. Tras varias remodelacións da web, no 2002 adopta o seu aspecto actual, logo dun investimento de máis de 6.000 euros. Dende un principio, en verbas do responsable da área de comercio electrónico, Roberto Villar, "había que facerse cun sitio en Internet para darlle un valor engadido ó negocio; fomos precursores no noso sector en España".
A web é un catálogo completo dos productos que vende Don Silencioso. O seu público obxectivo son compradores de entre vinte e corenta anos, amantes do son dos motores dos coches. Neste sentido, a web inclúe unha aplicación curiosa que a fai case única: permite escoitar o son do motor da marca de coche que elixamos premendo un acelerador virtual.  
O principal mercado da empresa é o nacional, sobre todo do Levante. Pero a web permitiulles ser coñecidos e realizar operacións comerciais en países como Francia e Alemaña, onde están a consolidar mercados: "a través da web e do e-mail atopamos contactos no estranxeiro, a pesar de que a páxina só está en español", comenta Villar. Por iso, a empresa estudia a posibilidade de traducir a web a tres idiomas. Tamén se baralla a creación dunha intranet [?] porque Don Silencioso traballa cunha rede nacional de distribuidores deste tipo de productos.
O pasado mes de febreiro esta empresa estivo presente nun dos salóns de tuning (posta a punto) máis importantes de Europa, o “Paris Tuning Show”.

www.donsilencioso.com




Toda a información financeira a un “clic” de rato

A empresa ferrolana 3.14 Financial Contents está a desenvolver un sistema para facilitar a busca de información en Internet sobre mercados financieiros. O sistema estará dirixido tanto ós analistas e investidores profesionais como ós usuarios non profesionais interesados neste tipo de información especializada.
Trátase dun proxecto pioneiro que analizará todo tipo de textos publicados na Rede, desde xornais económicos ata comentarios nun foro [?]. Deste xeito permitirá obter dun xeito sinxelo e rápido toda a información precisa para coñecer o estado actual dos mercados financeiros.
O carácter novidoso do sistema fai que as expectativas comerciais sexan moi altas polo que, ademais da versión en castelán, estase a traballar nunha versión en inglés. Posteriormente tense contemplado o desenvolvemento noutras linguas.
O Director de Producto de 3.14 Financial Contents, Manuel Míguez, espera que a primeira versión do sistema, unha aplicación para profesionais, estea dispoñible en outubro.
Na elaboración do sistema participan tamén o grupo COLE, un equipo de investigación en Intelixencia Artificial das Universidades de A Coruña e Vigo e o departamento de Lóxica da Universidade de Santiago. A súa financiación está apoiada pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

3.14financial.com


 
Revista


[Anterior :: Estudio de caso (II)]

[Seguinte :: Estratexia Web]

 

     

Cooperación | info@e-negociogalicia.com | A Súa Opinión