|
A segunda parte do informe revela o aumento do número de conexións á Rede e o número de PEMES que ofrecen comercio-e na súa web. A desconfianza nas transaccións on line como principal freo á implantación do comercio-e nas empresas e o crecemento do ADSL [?] son algúns dos datos máis relevantes da última entrega do informe e-Barómetro 2003 sobre Empresas. No vindeiro número de e-negociogalicia revelaremos os datos dos usuarios galegos no que respecta ó uso de Internet e á súa relación co comercio electrónico.
A segunda parte do informe e-Barómetro 2003 sobre Empresas actualiza os datos sobre a implantación do comercio electrónico e a visión das PEMES galegas sobre esta canle de negocio. Os novos datos indican que cada vez son máis as empresas que inclúen na súa web comercio-e. Sen embargo, tamén sae á luz a falta de información e o medo dos empresarios a utilizar as novas tecnoloxías e Internet no seu beneficio. Un exemplo disto é que máis da metade das PEMEs (o 54,2%) non confían na seguridade das transaccións a través a través da Rede.
O ADSL, método de conexión máis escollido entre as PEMEs
O crecemento do ADSL [?] no último ano (en detrimento do módem [?] e do RDSI [?]) pode ter na súa disponibilidade a unha das explicacións, ademais de que prové dun ancho de banda considerable. Á escolla desta opción, que pasou de estar presente nun 37,7% das PEMES galegas durante o 2002 a estalo no 44,8% no 2003, contribúe tamén as campañas de promoción do ADSL. Pola súa banda, o cable [?] tamén se vai afianzando nas nosas empresas, e duplica a súa presencia, subindo do 2% ó 4,7%.
A sensación de inseguridade, principal obstáculo ó comercio-e
As barreiras que observan as nosas PEMEs para a implantación do comercio electrónico son similares ás que xa detectara o e-Barómetro do 2002. Existe unha falla confianza nas transaccións -un 54,2% dos empresarios ten a sensación de que as transaccións vía Internet non son seguras- e isto pódese deber, en gran parte, a unha carencia de información. Como o ano pasado, a loxística non é o principal problema para realizar comercio electrónico (só para o 14,7% das PEMEs, que perciben o proceso como complicado tecnicamente), cando en Galicia verdadeiramente si é un obstáculo importante á implantación do comercio-e. A dispersión da poboación galega, debido á súa natureza rural, encarece e dificulta o transporte dos productos ata o seu destino.
A desconfianza, obstáculo das PEMEs á hora de conectarse á Rede
Da porcentaxe de PEMEs que non están conectadas á Rede e que non teñen previsto facelo (unha porcentaxe baixa sobre o total de empresas galegas), o 62,9% das compañías incluídas neste grupo aducen que non o fan porque o seu sector “non ten presencia en Internet”, segundo amosa o informe e-Barómetro 2003. Esta coincidencia pode deberse á desconfianza que o empresario lle ten aínda á Rede trala crise das empresas “puntocom” anos atrás, o que pode motivar o receo das novas tecnoloxías e Internet.
Aumentan as páxinas web onde se venden productos
A meirande parte das empresas galegas seguen a ter unha web informativa onde amosan o seu catálogo, pero sen posibilidade de facer compras on line (71,9%). A pesar de que queda moito na implantación do comercio-e nas empresas galegas, esta é unha cifra positiva respecto ó ano pasado. De feito, aumenta o nivel de páxinas web onde o cliente pode mercar, que pasou do 18,3% no 2002 ó 26,7%. Isto tradúcese, aproximadamente, en que unha de cada catro páxinas web de empresas galegas fan comercio electrónico.
As mellores vantaxes: acceso a máis productos e mellor imaxe
Ante a pregunta de “¿Que vantaxes ten para a súa empresa o comercio electrónico?”, os empresarios galegos seguen a destacar os beneficios menos considerables que pode traer a venda pola Rede. Así, nos primeiros postos está a posibilidade de acceder a máis productos, no caso das empresas clientes, ou a mellora da imaxe corporativa da empresa, tanto para as empresas clientes doutras como para as que son provedoras. Sen embargo, as verdadeiras vantaxes que pode traer esta canle de negocio, como son a reducción de custos ou o feito de poder ampliar o negocio a outros mercados nacionais e internacionais son contempladas como secundarias. Este descoñecemento dos empresarios pode ter unha explicación na pouca práctica do empresariado neste eido ou ben nunha análise superficial dos beneficios que o comercio-e pode deixar na nosa comunidade.
|