|
O informe e-Barómetro correspondente ó ano 2003 revela novos datos sobre o grao de implantación de Internet e o comercio electrónico entre as PEMES galegas, nas súas dúas vertentes: o B2C e o B2B. Cada vez son máis os empresarios galegos que se suman ó comercio electrónico, consolidando o seu crecemento.
O novo informe e-Barómetro correspondente ó ano 2003 achéganos datos recentes que reflicten a situación das PEMES galegas en relación a Internet e o comercio electrónico. Os datos relativos á penetración de PCs e acceso a Internet son positivos: máis dun 95% das empresas dispón de ordenador, e o 83,1% están conectadas á Rede, malia o estancamento de usuarios que anunciou o Estudio Xeral de Medios (EGM) a finais do 2002. Sen embargo, as cifras varían cando falamos de presencia en Internet: o 37,2% teñen páxina web, o 9,3% realizan comercio electrónico B2C (dirixido ó cliente final) e o 6,8% B2B (dirixido a outras empresas).
O 13,3% das PEMES galegas realiza comercio electrónico
O 13,3 por cento das empresas galegas enquisadas neste informe realiza transaccións a través da Rede, incluíndo neste grupo ás que realizan B2B, B2C ou ámbolos dous. O comercio electrónico posicionouse nas empresas 1,3 puntos por riba dos datos que o e-Barómetro presentaba o ano pasado, cando só o 12% das empresas galegas vendían en Internet. A subida do comercio electrónico este ano débese especialmente ó pequeno pulo experimentado polo negocio cara ó consumidor final (B2C), como veremos.
O comercio electrónico B2C, un punto por riba do ano pasado
Polo de agora, só o 9,3% das empresas galegas enquisadas inclúen na súa páxina web servicios B2C, é dicir, comercio electrónico cara o consumidor final. As PEMES galegas que realizaban B2C o ano pasado representaban un 8,4%. O B2C é a rama do comercio-e que máis medrou nos últimos tempos e a máis coñecida entre empresas e clientes. Estes datos confirman a principal conclusión do e-Barómetro 2003: a integración do comercio electrónico como unha canle de negocio máis na empresa galega segue a medrar e a consolidarse.
A maioría das PEMEs amosan o seu catálogo na Rede, pero non teñen pasarela de pago
O 49,6% das PEMES que dispoñen de servicio de comercio electrónico B2C escollen a opción de publicar o seu catálogo on line e vender os seus productos na tenda física. O 22,5%, ademais de colocar o seu catálogo na Rede, ofrécenlle ó cliente un e-mail ou un número de teléfono a onde dirixirse para adquirir os productos que mirou e escolleu a través da web. Por último, un 7,4% dispón de catálogo e pasarela de pagos [?]. Con estes datos na man, semella que o empresariado galego en xeral é aínda bastante conservador á hora de utilizar comercio-e, xa que non se atreve a formalizar o pago electrónico. Sen embargo, o empresario é un eslabón básico de cara á normalización do comercio-e, e del depende en gran medida que o internauta se anime a mercar on line.
O B2B medra case medio punto con respecto ó 2002
A gráfica amosa que a gran maioría das nosas PEMEs non teñen servicios B2B (transaccións electrónicas entre empresas) nin pensa incorporalos nun prazo de seis meses. Tan só un 6,8% do total da mostra dispón deste servicio (medra un 0,4% respecto ó 2002) e un 5,7% proxecta telo nun futuro próximo. As causas deste estancamento débense ó descoñecemento das vantaxes que poden reportar as transaccións entre empresas vía Internet, así como á pouca difusión desta rama do comercio electrónico. Ademais, os datos reflicten un enfoque conservador das empresas galegas ante o comercio electrónico.
|