|
Os pasados comicios amosaron que Internet é xa unha canle máis onde candidatos e agrupacións políticas lanzan as súas promesas e se comunican co electorado. E Galicia non foi menos, a pesar de que a interactividade cos cidadáns non recibe todo o coidado que debería. A normalización da “ciberdemocracia” é traballo de todos.
A proliferación de webs de partidos políticos e de candidatos dende as pasadas eleccións municipais do 99 é importante. Sen embargo, o noso país está aínda a moita distancia do significado e da utilidade que noutros países tén a Rede; unha canle de promoción, de "marketing electoral" e de información, que vai máis alá do mero uso testemuñal ou do escaparate propagandístico do que moitas webs das agrupacións políticas galegas non consiguen desprenderse. O achegamento directo ós votantes, a través de canles de interaccción e de comunicación (e-mail, foros [?] ou chat, enquisas, etc.) constitúe unha poderosa ferramenta política, desgraciadamente pouco explotada. E as recompensas de coidar a imaxe on line do partido ou do candidato son importantes: o contacto directo coa cidadanía, a sensación que imprime de “estar á última”, de progreso e renovación, a atracción mediática, e unha canle de promoción electoral a baixos custos. "Estar" na Rede semella importarlles, en maior ou menor medida, ós partidos políticos galegos máis votados (PP, PSOE, BNG), pero os candidatos a alcaldes con páxina web propia foron minoría. E o uso da Rede como vía de comunicación directa cos votantes relégase a un segundo plano. Pese á todo, houbo esforzos individuais neste senso que pagan a pena ser resaltados, así como as iniciativas dalgúns medios on line, como foi o caso dos Encontros Dixitais de La Voz de Galicia, onde os internautas poideron facer preguntas ós candidatos mediante un chat, e o Especial Electoral Galiza 2003 de Vieiros, tamén cun foro [?] e outras canles de interacción. Dende e-negociogalicia fixemos unha proba: collimos ó azar sete e-mails de diferentes candidatos á alcaldía de municipios galegos, e enviamos preguntas do tipo "¿Con cantos concelleiros conta o seu partido no municipio?". Tan só recibimos dúas respostas: a de Henrique Tello, candidato a alcalde polo BNG en A Coruña (www.quiquetello-bng.org) e a de Manuela Besteiro, polo PP en Lugo (www.ppdelugo.com). Unha boa parte dos discursos políticos que os candidatos incluíron nas súas páxinas web estaban cheos de promesas tecnolóxicas, pero a resposta que logo deron por Internet e a escasa atención ó electorado a través desta canle non se correspondeu coas súas palabras.
Canles de interactividade
Parece básico que tódalas páxinas web dos partidos e candidatos galegos conten cun apartado específico onde os cidadáns poidan deixar as súas dúbidas, comentarios e suxerencias. Sen embargo, hai páxinas de coidado deseño que non contaron con esta opción. Ademais dos boletíns de novas, dos foros [?] e do e-mail, existen outros vínculos básicos de interacción e de comunicación entre os partidos e a cidadanía, ás que as webs dos nosos candidatos e partidos tentaron sacar rendemento en maior ou menor medida. Por unha banda, publicouse información (ás veces pouco actualizada), como a axenda do día, noticias, imaxes, notas e dossieres de prensa. Doutra, contidos variados: enquisas, programa e proxectos, documentación pública, libros de visitas [?] e respostas ás dúbidas dos visitantes. Algunha web ofreceu tamén a posibilidade de seguir os resultados en tempo real.
As webs máis completas: Santiago e Vigo O reflexo virtual da pugna pola alcaldía cobrou especial relevancia en Santiago e Vigo, onde a maioría dos partidos se preocuparon polo deseño da súa web. Velaquí algunhas páxinas web de referencia:
www.alex-bng.org www.carballoenpositivo.net www.converxenciaporvigo.org www.dositeo.com www.ppdelugo.com www.provigueses.com www.psoe.es www.psoe.es www.nestorrego-bng.org www.xaimebello-bng.org
|