Inicio Centro | Cooperación | Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
     
Inicio | RevistaEnegocio10 | Factura-e    


A factura electrónica: aforro de tempo e custos para a empresa

A nova factura dixital ten validez legal en toda Europa e permitirá aforrar e mellorar os procesos administrativos. Conta con plena validez legal e o seu uso empeza a regularizarse entre as empresas. Esta é unha ferramenta que pode revolucionar os modelos de xestión administrativa e impulsar o comercio electrónico. Gañar en tempo, diñeiro e eficiencia son as vantaxes que a factura-e achega ás empresas que a están empregando no noso país.


factura electrónica
factura electrónica

A factura é un documento esencial entre toda a información que intercambian as empresas. Se falamos de factura dixital, referímonos a aquela que se transmite por medios telemáticos e se conserva nun soporte susceptible de lerse por un sistema informático. Como a facturación en papel, a factura-e ten que cumprir as condicións de emisión e contidos esixidas no Real Decreto 2402/1985. A Orde do 2002 sobre un novo desenvolvemento do réxime de facturación telemática dáballe a validez legal á factura-e e a Resolución dictada o 14 de febreiro de 2003 pola Axencia Tributaria acaba de desenvolvela. Así, o documento de papel convencional nos que as empresas documentan os recibos dos pagos e dos cobros substitúese por un pequeno ficheiro electrónico que ten o mesmo contido, pero que pode enviarse por e-mail.

A compañía que desexe facturar on line só precisa dispoñer dun ordenador con conexión á Rede e dun certificado de firma electrónica. Polo de agora, as máis de 2.700 empresas que utilizan o sistema EDI de intercambio electrónico de documentos están a ser as pioneiras en facturar on line, un instrumento moi útil polo aforro que supón en tempo e diñeiro, tanto para as grandes compañías como para as PEMES. O EDI permitía enviar e recibir facturas electrónicas, mais a lei obrigaba a emitir un recibo en papel. Actualmente este requisito xa non é preciso.

As vantaxes da factura-e

A AEOC (Asociación Española de Codificación Comercial) prevé que coa factura-e o sector do gran consumo aforre 18 millóns de euros anuais e se reduza o 20% dos custos administrativos. Hoxe, emitir un recibo en papel custa arredor de 0,75 euros, mentres que un recibo electrónico custa 0,05 euros. O aforro consíguese no papel, na impresión, no envío e no espacio de almacenamento. Outra das vantaxes é que, ó basearse a resolución da Axencia Tributaria nunha directiva europea, establecerase un sistema estándar de facturación electrónica para as empresas da UE. En Europa tamén se prevé a posta en marcha da firma e o DI dixital. Existen dúas condicións que garanten a seguridade da factura electrónica, e que veñen determinadas pola vinculación a unha firma electrónica:
  • A garantía da autenticidade da factura: o destinatario pode comprobar que o emisor é quen di ser.
  • A garantía da integridade do contido das facturas. Calquera cambio posterior ó envío será detectado.
O novo marco xurídico da firma dixital en España esixe o consentimento do receptor para a utilización e a validez da factura-e.


Frioya S.A.
Frioya S.A.

Frioya: documentos on line ó momento

Empresas como El Corte Inglés, Matutano, Carrefour, Caprabo, Mercadona, Unilever ou Eroski están a utilizar a factura electrónica. Este sistema pode resultar de gran utilidade non só para as grandes compañías, senón tamén para as PEMES. Frigoríficos Oya, empresa galega especializada no almacenamento frigorífico, ofrécelle ós seus clientes a posibilidade de obter toda a documentación que precisen (facturas, albaráns, etc.) en tempo real vía web.

Polo de agora, as PEMES coas que se relaciona Frioya son as principais usuarias deste servicio, que ten como vantaxe esencial “a súa velocidade de obtención”, segundo Marcos Vaqueiro, responsable de mantemento de Frioya. Esta empresa sácalle partido tamén á firma dixital no proceso de xestión sectorial coa asociación da que forma parte, Conxemar.

A firma dixital, requisito imprescindible para facturar on line

A firma dixital é un requisito imprescindible para dar validez ós documentos electrónicos, entre eles á factura electrónica. O Real Decreto-Lei 14/1999, de 17 de setembro regula actualmente a firma electrónica ata que entre en vigor o Anteproxecto aprobado o 4 de abril deste ano, previsiblemente a finais de xuño. O borrador do Anteproxecto de Lei de Firma Electrónica recolle as peticións e suxerencias dunhas sesenta entidades e asociacións. Con esta reforma, o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía persegue "promover un uso máis xeralizado da firma electrónica como instrumento xerador de confianza nas comunidades telemáticas e como dinamizador da Administración e o comercio electrónico". Daquela, aínda que a firma electrónica funcionou ata agora en ámbitos como a declaración da Renda on line, búscase que os cidadáns confíen plenamente na seguridade das transaccións, impulsando o comercio on linee a tramitación electrónica das xestións entre empresas.

NOVIDADES Á BUSCA DA CONFIANZA
As principais reformas que contempla o anteproxecto comezan cun cambio de terminoloxía. A "firma electrónica avanzada" substitúese pola "firma electrónica recoñecida": aquela que cumpre cos requisitos precisos para considerarse equivalente á firma manuscrita. Ademais, os certificados poderanse emitir para persoas xurídicas, recoñecendo que a firma electrónica é susceptible de integrarse en procedementos automatizados, sen intervención directa dunha persoa física. Deste xeito, as entidades dispoñen de máis flexibilidade. Outra das novidades é que senta as bases para o DI dixital, que entrará en vigor previsiblemente a finais do 2003. Dende o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía espérase que axude a xeralizar o uso da firma-e en España. No que respecta ás entidades certificadoras, ata o de agora só a Fabrica de Moeda e Timbre emitía certificados de autenticidade de firma dixital. No Anteproxecto búscase a liberalización e a iniciativa da empresa privada, fomentando a competencia. Así, promóvese a autorregulación da industria para potenciar a confianza dos consumidores no sector privado e elimínase o rexistro obrigatorio, polo que a propia empresa pode crear a súa firma electrónica.

¿Para que sirve a firma electrónica?
A firma electrónica permite ó receptor dunha mensaxe verificar a autenticidade do emisor (autentícao), á vez que garante a integridade do documento. A “firma electrónica avanzada” consta de dúas claves: unha pública e unha privada (que só coñece o seu propietario). A firma dixital permite comprobar se se introduciron modificacións no documento orixinal enviado. Unha mensaxe cifrada coa clave privada dun usuario só pode descrifrarse coa clave pública asociada. O receptor ten que coñecer esa clave pública, mais só o emisor coñece a súa clave privada.


Proceso de envío dunha factura-e
Proceso de envío dunha factura-e

Pasos do envío

1. A empresa A (emisor) quere enviar unha factura-e á empresa B ou a un cliente.

2. A empresa A axunta a facturae á mensaxe e asínaa dixitalmente (coa súa clave privada).

3. Envío da mensaxe xunto á factura-e por correo electrónico.

4. A empresa B ou o cliente (receptor) recibe a mensaxe xunto á factura e descífraa mediante a clave pública da Empresa A.

5. A empresa B (cliente) dispón da súa factura dixital, coa seguridade de que o emisor é quen di ser e de que o seu contido de partida non se modificou.


 
Revista


[Anterior :: Mercado da flor]

[Seguinte :: tenda virtual]

 

     

Cooperación | info@e-negociogalicia.com | A Súa Opinión