|
As vantaxes de Internet como canle de negocio non pasan desapercibidas para os empresarios. A ampliación de mercados, o aforro de custos, mellora da imaxe corportativa e as enormes posibilidades de negocio na Rede son algunhas características asumidas por moitas empresas galegas.
Sen embargo, onde máis calado ten Internet e comercio electrónico como negocio de futuro é entre os novos empresarios, e é que a Rede pasa tamén por ser o camiño e a ferramenta para novos emprendedores que apostan por crear o seu propio negocio. Para este colectivo, poñer en marcha o seu proxecto entraña problemas específicos da canle Internet, pero a meirande parte das trabas son comúns e non difiren demasiado das dunha empresa ‘tradicional’: a necesidade de asesoramento e de financiación seguen sendo os grandes problemas.
O Centro de Competencias en Comercio Electrónico conta cunha área de Soporte (www.e-negociogalicia.com) que achega orientación inicial a empresarios que apostan por Internet. Dous destes novos emprendedores, José Antonio Noya e Manuel Buezas, empregaron a área de Soporte do Centro de Competencias e fálannos sobre as posibilidades do comercio electrónico. Eles, ó igual que outros moitos empresarios con proxectos baixo o brazo, teñen a firme determinación de explotar as posibilidades da Rede para a súa empresa: "Internet permite unha expansión mundial, é unha ferramenta máis operativa e non excesivamente cara", afirma José Antonio Noya. Ademais, para saír na axuda destes novos empresarios existen en Galicia tamén sociedades que ofrecen infraestructuras e investimentos.
 |
Uninova
|
Vías para apoio e creación de empresas innovadoras: o caso Uninova
Uninova é unha sociedade constituída en xaneiro de 1999 dentro do proxecto Uniemprende, participada pola Universidade de Santiago (USC) e o Concello de Compostela. O seu obxectivo é promover a creación de empresas innovadoras de base tecnolóxica. Segundo afirma o seu xerente, Gustavo Marcos, o requisito para que Uninova preste os seus servicios a este tipo de proxectos é ter algún vínculo coa USC: ben como proxectos vinculados a grupos de investigación, ben como ideas de estudiantes e licenciados da USC.
Uninova funciona como unha incubadora de empresas. A súa forma de actuación contempla dúas fases. Primeiro Uninova axuda ó emprendedor a constituír o seu plan de empresa. Despois, facilítalle á empresa creada un espacio físico onde ubicarse (dende un inmoble ata unha páxina web); de aí o concepto de incubadora: a empresa é ubicada (incubada) nun espacio e cuns servicios adaptados ás súas necesidades. Nesta fase, o emprendedor conta con "servicios de apoio á función xerencial" que lle axudan a dirixir e xestionar a empresa. As empresas asesoradas por Uninova poden recibir financiamento dende outra das sociedades de Uniemprende, Unirisco, sociedade de capital de risco, que concede préstamos sen esixir a presentación de avais ou garantías.
www.uninova.org
|