Inicio Centro | Cooperación | Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
     
Inicio | RevistaEnegocio07 | Lexislacion    


A firma electrónica: ¿existe xuridicamente?, ¿é de utilidade?

Estamos moi afeitos á tinta e ó papel. Semella que só existe un contrato se queda recollido nunha serie de follas asinadas, a ser posible, mataseladas e incluso en papel timbrado. Nada máis lonxe da realidade xurídica. Tódolos días celebramos ducias de contratos sen decatarnos: ó mercar o xornal, tomar un café, coller o bus ou ir ó cine. Son contratos "non escritos", pero válidos legalmente. De feito, se o xornal está mal impreso ou o café está frío, podemos reclamar a súa restitución ou a devolución dos cartos, incluso por vía xudicial. A pesar disto, en moitas situacións é convinte, e incluso necesario, que haxa un documento escrito, xa sexa polo valor ou importancia do asunto ou por esixencia legal. Agora ben, incluso neste caso, "escrito" non é sinónimo de "en papel". Proba disto é o Real Decreto-Lei 14/1999, de 17 de setembro, que regula a Sinatura Electrónica. Con esta normativa, España convertiuse nun dos primeiros países en recoñecer legalmente a validez dun documento asinado dixitalmente. O mesmo documento é máis seguro e fiable posto que a sinatura electrónica non só indica "quen asina", senón tamén "o que asina", xa que se vincula ó propio texto do documento (e isto en papel é imposible).

Daquela, a sinatura electrónica existe xuridicamente dende 1999 no noso país e é útil. Mais, ¿utilízase na práctica? Non todo o que sería desexable. Sen embargo, hai un exitoso exemplo da implantación e utilidade da sinatura electrónica: a declaración de impostos on line. Lamentablemente non cundiu no ámbito privado e, por iso, o Goberno prepara unha importante reforma, co Anteproxecto dunha nova Lei de Firma Electrónica de 26 de xullo de 2002, que contempla a creación do Documento de Identidade dixital, o que suporá a xeralización da tendencia e uso da sinatura electrónica no noso país. Se ten éxito, axudará a dotar dunha maior seguridade xurídica ó comercio-e e a que  cambiemos o chip" e confiemos ó menos tanto na realidade dixital como na física (se non máis).

Víctor Salgado Seguín
Pintos & Salgado Abogados
vsalgado@pintos-salgado.com
www.pintos-salgado.com

 
Revista


[Anterior :: Comercio-e]

[Seguinte :: A alta en buscadores]

 

     

Cooperación | info@e-negociogalicia.com | A Súa Opinión