|
Durante anos, para intercambiar información entre empresas era necesario conectar directamente os seus ordenadores cunha liña adicada (contratada a unha operadora de telefonía). Era un proceso complicado e custoso, que agora está a cambiar coas extranets : redes privadas que usan Internet para conectar de xeito seguro dúas entidades. Os usos das extranets son múltiples e son moitas as empresas galegas que as empregan para mellorar o seu proceso de negocio.
A comunicación e o intercambio de datos entre empresas e clientes é fundamental na maior parte dos negocios. Internet axuda a mellorar esta comunicación, achegando rapidez e aforro, con ferramentas como a extranet. Nos últimos tempos, moitas empresas están botando man deste recurso, para mellorar a relación cos seus clientes, provedores ou distribuidores.
A extranet pode considerarse, en certo modo, como a parte dunha intranet [?] (ver /revista/enegocio02/) que unha empresa amplía para usuarios ou clientes de fóra, permitíndolles interactividade e acceso á información. Na extranet, a información compartida tan só pode ser accesible polos usuarios que determine a empresa que a posúe. É esta quen lle facilita os contrasinais e os permisos para acceder e operar nesta rede privada. Para explicar de xeito básico o concepto de extranet podemos recorrer a un exemplo ficticio:
A empresa de artigos de regalo O Acerto vende semanalmente 5.000 productos ás 60 tendas que traballan con eles. Ata que O Acerto decide crear unha extranet, os pedidos das tendas chegaban por fax, teléfono, e- mail ou a través dos seus comerciais. Era un proceso complicado que levaba moito tempo, tendo en conta o número de encargos. Por iso, botan man dunha extranet para que as propias tendas accedan a través de Internet ó catálogo de productos e escollan o que queren mercar, de xeito que automatizan o proceso. Ademais, agora as empresas clientes poden ver en calquera momento ó seu histórico de facturas, albaráns, etc.
¿PARA QUE SERVE? Despois deste exemplo, algúns dos usos e utilidades dunha extranet quedan de manifesto, como son: - Compartir catálogos con clientes e provedores.
- Proporcionar ou acceder a servicios.
- Compartir de xeito exclusivo información e novas de interese común con outras empresas.
- Intercambio automático de datos empregando o Intercambio Electrónico de Datos (chamado EDI).
- Crear espacios de colaboración con outras empresas nos que desenvolver proxectos.
- Poñer en marcha e compartir programas de formación.
VANTAXES DUNHA EXTRANET Pero, de xeito práctico, cabe preguntarse que reporta economicamente esta ferramente a unha PEME. Entre as vantaxes que ofrece están: - Reducción de custos.
- Acceso máis rápido á información.
- Mellora da comunicación entre empresas.
- Central de negocio aberta as 24 horas os sete días da semana.
- Acceso á información en tempo real.
- Acceso á información por Internet dende calquera lugar.
- Seguridade e privacidade no acceso á información.
É importante resaltar a característica da seguridade, xa que as comunicacións a través dunha extranet son confidenciais e privadas. A empresa que posúe a extranet ten que garantir esta seguridade. Hoxe en día, as extranets están provocando unha revolución nos procesos de negocio, na estructura e nas operacións comerciais das empresas. O caso de Frigoríficos Oya, que imos tratar a continuación, así o amosa.
|