|
Víctor Salgado Seguín, Abogado do Bufete Pintos & Salgado vsalgado@pintos-salgado.com www.pintos-salgado.com
Ben é sabido que nos tocou vivir unha auténtica revolución, coa chegada das tecnoloxías da comunicación e Internet. As empresas non están á marxe desta revolución. Cada vez son máis as que se introducen no novo contorno de Internet, ofrecendo información sobre os seus productos e servicios ou mesmo comerciando directamente a través da Rede. É o que coñecemos por comercio electrónico.
O Dereito, como instrumento artellador das relacións sociais e económicas, debe dar resposta a esta nova realidade, aplicándolle o marco legal tradicional, a través da súa interpretación. Debido a isto, asistimos a un importante desenvolvemento dunha nova rama ou especialidade xurídica: o Dereito Informático.
Parte desta tarefa xa se fixo: a Ley Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de carácter Persoal (LOPD) ou o Real Decreto- Lei 14/1999 sobre Sinatura Electrónica son exemplos disto. Pero o máximo expoñente disto ata a data é a Lei 34/2002 de Servicios da Sociedade da Información e do Comercio Electrónico (LSSI), que foi amplamente debatida e coñecida en Internet. Sen embargo, hai que destacar que, moi ó contrario do que se adoita a pensar, Internet non escapa á aplicación da Lei. Posto que, aínda que non se aproben novas normas, o Dereito tradicional tamén se aplica á Rede. Ó fin e ó cabo, detrás deste ‘mundo virtual’ áchanse persoas reais, co seu nome, os seus apelidos e o seu enderezo físico. Tódolos días vemos exemplos nos medios de comunicación que o amosan: demandas contra contidos de páxinas web, recuperación de nomes de dominio que vulneraban marcas, compras e vendas válidas realizadas on line, defensa da libre competencia (caso Microsoft) e a protección dos dereitos sobre as creacións orixinais (caso Napster), entre outros.
En conclusión, cabe dicir que, aínda que queda moito por facer, o Dereito Informático xa está o suficientemente desenvolvido como para solucionar a maioría dos conflictos e regular a maioría das relacións sociais e económicas que se producen en Internet e, en xeral, na nova Sociedade da Información.
|