A web obtivo beneficios en dous anos
www.deportienda.com
O 23 de agosto de 1999 un grupo de traballo composto, entre outros, por licenciados en informática da Universidade da Coruña, volcou á Rede a web www.canaldeportivo.com, páxina oficial do R.C. Deportivo de A Coruña. En maio do seguinte ano, nacía a Deportienda.com, primeira tenda virtual dun equipo galego de fútbol. Nela interviron dúas entidades que lle deron base sólida ó proxecto electrónico do clube. Por unha banda, participa CaixaGalicia, a pasarela de pagos [?] que dá seguridade ás vendas e o principal patrocinador de Canaldeportivo. Por outra banda, a empresa Iris servicios e sistemas interactivos, que pertence ó consorcio de empresas do Deportivo e que xestiona o 95% do soporte técnico das webs.
Segundo Óscar Sacristán, responsable técnico das webs do Deportivo, "a través da publicidade, Canaldeportivo é autosuficiente; a Deportienda é tamén autosuficiente coas súas vendas e nestes dous anos xa xerou beneficios". Logo destes dous anos, e aínda que non facilitaron cifras de venda, a aposta dos responsables do clube herculino polas novas tecnoloxías e por Internet segue a ser forte.
 |
| Cadro comparativo Celta-Deportivo |
O Celta adaptouse paso a paso á Rede
www.celtavigo.net
Nas próximas semanas, o Celta ten previsto inaugurar o servicio de tenda virtual na súa páxina de Internet. A introducción deste novo servicio é un paso máis no continuo proceso de adaptación á Rede que os responsables do Celta están levando a cabo dende a creación da páxina web, que foi en xaneiro do 2000. Á páxina chegaron moitos visitantes dende o seu comezo, e así se cumprían os primeiros obxectivos: transmitir a imaxe do clube e prestar un servicio ós afeccionados que se atopasen fóra de Vigo. Julio Vargas, responsable técnico da web apunta que no 2000 houbo 22,5 millóns de visitas [?]. No 2001 chegaron ata os 23 millóns. Este ano esperan chegar ós 24 millóns. A tenda virtual nace sen expectativas de venda fixas, pero co ánimo de cubrir un mercado moi importante de emigrantes galegos seguidores do clube e que se atopan esparexidos polo mundo, sobre todo en Latinoamérica. De feito, a meirande parte das visitas [?] á páxina son de fóra de Galicia. Na introducción do novo servicio de tenda virtual o clube vigués contou coa colaboración de R no aspecto loxístico, e a de Caixanova, a entidade financeira que xestiona a pasarela de pagos [?].
“Alí onde hai un galego, chega a web”:
Pablo Pereiro, director comercial do Deportivo
Pregunta: ¿Que supón Internet para o Deportivo? Resposta: É unha canle dende a que informar, vender e entreter. Hai que ter unha posición gañada no mercado virtual, porque se non podes quedar atrás. Ademais da posibilidade de mercar todo tipo de productos relacionados co equipo, existe a posibilidade de solicitar o carné Socio amigoque, por 30 euros, da dereito a un número de socio e a ver un partido.
P: ¿Que perspectivas de futuro teñen? R: A tenda on line é unha canle máis de comunicación e venda pola que seguir apostando. A través do Canaldeportivo e da Deportienda pódese dar a coñecer o clube en todo o mundo e chegar a onde a tenda física non chega. Onde hai un galego é importante chegar e o mercado da emigración é importante. Internet permite vender en calquera parte do mundo. Nós mesmo chegamos a vender nunha illa de Indonesia.
“A expectativa fundamental é acomodarse ás esixencias comerciais”
Julio Vargas, responsable da web do R.C. Celta
Pregunta: ¿Que supón Internet para o Celta? Resposta: Dende unha forma de contacto inmediato cos seguidores celestes ata un aforro de tempo en comunicacións. O desenvolvemento deste campo está nos seus inicios e posúe un futuro moi esperanzador. En poucos anos, cremos, será o primeiro método de contacto entre o clube e os seus seguidores. P: ¿Cales son as expectativas de futuro da tenda on line do Celta? R: A expectativa fundamental sobre a tenda electrónica para nós é saber acomodarnos ás esixencias desta nova vía de desenvolvemento comercial, e ofrecer a través de Internet unha completa gama de servicios de utilidade para os nosos seguidores, atópense onde se atopen.
|