|
Agora que xa contamos cos ordenadores, coa conexión a Internet e co dominio para a nosa web, chegou o momento de poñernos mans á obra para construír o que será a fachada da nosa empresa na Rede. Neste segundo paso (do que falaremos tamén no vindeiro número de enegociogalicia), tratamos a planificación previa, os custos e os provedores necesarios para poñer a andar a web da nosa empresa.
Chegou o momento de construír o que será a imaxe da nosa empresa na Rede: a páxina web. Trátase dun momento crítico no que as decisións condicionarán os seguintes pasos, polo que cómpre actuar segundo unha planificación previa. Neste sentido, existen varias cuestións que deben ter resposta para construír a nosa web e das que vamos tratar neste e no vindeiro número de e-negociogalicia:
1. ¿A QUEN VAI DIRIXIDA A PÁXINA?
Crear a nosa web supón que a empresa continúe traballando coma sempre, pero mpregando unha nova canle de negocio. O perfil do público final debe influír no deseño e contidos da páxina web. Non é o mesmo crear a páxina dunha tenda de surf, que ten usuarios máis novos e (a priori) expertos, que a web dunha tenda de sanitarios, que ten clientes cunha media de idade máis alta. Como nota común, cabe salientar que o esforzo en deseño e navegabilidade (característica que define a unha web con fácil acceso ós contidos) sempre revertirá en máis visitas [?], interacción do usuario, mellora da imaxe e, polo tanto, negocio.
2. ¿PARA QUE SE VAI EMPREGAR A WEB?
Ter unha web supón ir engadindo servicios e contidos a modiño e por etapas, tanto dende o punto de vista de empresa como do usuario. Non hai que atordar ós usuarios con moitas posibilidades. Primeiro, pódese ofrecer un catálogo de productos (con información sobre características técnicas, referencias...) cun enderezo, teléfono e e-mail de contacto. Posteriormente, pódese desenvolver a posibilidade de pechar a transacción on line, incluíndo a función do carriño da compra e a pasarela de pagos [?]. No caso de publicar o catálogo de productos da empresa, débese prever a posibilidade de ter un servicio de loxísitica e de atención ó cliente eficaces.
3. ¿QUE PROVEDOR PODE CONSTRUÍR UNHA WEB?
Existen diversas opcións. A máis barata é botar man de recursos propios. Sempre se coñece a alguén que sabe facer unha páxina web (un coñecido, un informático da empresa...), pero esta opción deberase considerar debidamente. Por exemplo, ¿queremos que a imaxe da nosa empresa dependa da creatividade do noso informático? A construcción dunha web debe correr a cargo de profesionais con experiencia en deseño e programación. Por iso, é importante escoller a empresa provedora do desenvolvemento da web. En Galicia, fundamentalmente existen varios tipos de provedores:
- Os “free lance” (ou autónomos). - As axencias de publicidade. - As empresas de multimedia. - Grandes consultoras.
No vindeiro número da revista tratarase a segunda parte da fase de creación dunha web. Entre outros contidos, falarase dun baremo orientativo de prezos para os distintos gastos a ter en conta na creación dunha páxina web.
|