Inicio Centro | Cooperación | Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
     
Inicio | RevistaEnegocio04 | RepasoPanorama    


Repaso ó panorama do comercio electrónico

Nova ferramenta de soporte do Centro de Competencias dirixida a PEMES e provedores TIC

A páxina web do Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia, www.e-negociogalicia.com, vén de inaugurar unha nova ferramenta para as PEMES galegas que queiran sumarse ó negocio na Rede. A vontade da nova ferramenta é poñer en contacto as empresas e as iniciativas de comercio electrónico galegas cos provedores destes servicios da nosa comunidade. Na nova ferramenta de e-n negociogalicia.com atópanse formularios de dous tipos: un dirixido ás PEMES tradicionais galegas que teñan calquera tipo de dúbidas sobre comercio electrónico; outro dirixido ós provedores de Tecnoloxías da Información, que entrarán a formar parte da base de datos do Centro de Competencias. O Centro empregará esta base de datos para poñer en contacto ás PEMES tradicionais cos provedores de tecnoloxías. Con esta nova ferramenta, todas aquelas PEMES que teñan dúbidas sobre como desenvolver un proxecto de comercio electrónico terán un lugar onde poderán recibir as respostas que precisen. www.e-negociogalicia.com

Finaliza o prazo de presentación de proxectos para o “Internet Útil” de R

A Fundación R convoca por primeira vez o concurso "Internet útil" dirixido ás PEMES galegas. O obxecto do concurso é promover a realización de proxectos web orientados a mellorar a productividade das pequenas e medianas empresas da nosa comunidade. O concurso conta cuns premios importantes: 6.000 euros para o proxecto gañador, 3.000 para o segundo e 1.500 para o terceiro. Pode presentarse calquera PEME galega que dispoña do seu propio proxecto na Rede, proxecto que pode ser desenvolvido por ela mesma ou por unha empresa de desenvolvemento web que deberá ser tamén galega. O criterio principal á hora de valorar os proxectos será o da utilidade empresarial do proxecto web, isto é, a forma en como o emprego de Internet mellora o funcionamento da empresa. Outros criterios que se terán en conta son: a integración do proxecto na vida diaria da empresa, a simplicidade da xestión e a facilidade de emprego e deseño. O prazo para a presentación dos proxectos remata o 4 de novembro de 2002. Para máis información pódese consultar: www.fundacionr.org

Conta atrás para a posta en marcha do Documento de Identidade electrónico

O D.I. electrónico (Documento de Identidade) será similar na súa apariencia ó D.I. físico, aínda que incluirá un chip que permitirá certificar a identidade do usuario a través da Rede en todas aquelas páxinas nas que se precise realizar unha transacción telemática. Aínda non hai prazos para a posta en funcionamento desta nova ferramenta de identificación electrónica, pero o D.I. será unha realidade nesta lexislatura, segundo afirmou o vicepresidente primeiro do Goberno, Mariano Rajoy, quen dixo que a posta en marcha do novo instrumento "é un dos proxectos básicos deste goberno".

O novo D.I. dixital terá unha grande importancia para o comercio electrónico por ser un instrumento que permitirá asinar documentos electrónicos asegurándose da identidade dos usuarios. Tamén terá grande importancia na relación entre os cidadáns e a Administración.

Renfe vendeu máis de 100.000 billetes no que vai de ano a través da súa web

A través do seu sistema de venda de billetes on line chamado TIKNET, Renfe vendeu nos oito primeiros meses do 2002 un total de 102.417 billetes na súa páxina de Internet. Esta cifra supuxo unhas vendas totais de 3,415 millóns de euros, segundo os datos proporcionados pola propia compañía.

A maior parte das reservas vendidas pola Rede corresponderon ás grandes liñas: Talgo, Euromed, Alaris e Altaria, cun 62,7% das vendas totais. Destes trens vendéronse 63.984 billetes, por un importe total de 1,90 millóns. Dos trens rexionais vendéronse 3.849 billetes por Internet, un 3,8% do total, por un importe de 45.433 billetes. Os billetes dos trens rexionais pódense mercar pola Rede con 15 días de antelación. Para poder empregar este sistema é necesario rexistrarse como cliente dun xeito gratuíto. O sistema Renfe permite adquirir na Rede billetes cunha antelación de ata dous meses no caso do AVE e das Grandes Liñas. No caso dos trens rexionais, o prazo é de quince días de antelación.


 
Revista


[Anterior - Tenda virtual]

[Seguinte - Lugo exporta]

 

     

Cooperación | info@e-negociogalicia.com | A Súa Opinión