|
Preparar oposicións con Querounhapraza
www.querounhapraza.com
Querounhapraza.com é un proxecto dirixido por un equipo de profesores e profesionais da ensinanza con visión de traballo nas TIC e na ensinanza da próxima década. Este portal [?] comezará a funcionar a mediados de outubro e será de pago -a través de suscricións semestrais-. Nel comercializarase material de estudio (temarios, esquemas, resumes elaborados por profesores que acaban de aprobar, etc.) para a preparación das probas de acceso a profesores de Ensinanza Secundaria. Ademais, ofrecerá servicios de asesoramento e consultas directas entre os suscritores e os autores. Desenvolvido por Interacción S.L., o obxectivo da web é crear unha plataforma de teleformación do profesorado e chegar a impartir cursos por Internet nun futuro. Querounhapraza é “o primeiro proxecto editorial dixital en Galicia para opositores de Secundaria”, segundo o seu promotor, Luis Pérez. Está apoiado pola OFIE, a Oficina de Iniciativas Empresariais da Universidade de Vigo.
Celorriofarma: parafarmacia lucense na rede
www.celorriofarma.com
Celorriofarma, unha farmacia de Lugo, entrou na Rede o ano pasado e convertiuse nunha das farmacias pioneiras en España en promocionarse comercializar os seus productos vía Internet. Aínda que, debido ás leis sobre venda de fármacos, só pode ser unha parafarmacia, os resultados están sorprendendo ó xerente da farmacia e impulsor da web, Francisco Pinto. Celorriofarma, a partir dunha inversión inicial de 800.000 pesetas, recibíu máis de 1.100 pedidos, ten 500 visitas [?] diarias e 3.000 clientes rexistrados, a maioría deles de fóra de Galicia. O 95% dos pedidos chegan dende outras comunidades españolas.
A calidade da páxina e o trato coidado ós clientes xera beneficios económicos e axúdalle ó negocio a mellorar a súa imaxe. Segundo conta Francisco Pinto, "permítenos ser pequenos, pero grandes na mente dos nosos clientes, polo tanto temos asegurado o futuro na Rede e na parte física". O bo uso da Rede produciu unha mellora da imaxe, que revertiu na propia farmacia física e fixo medrar un 20% as vendas na farmacia física.
Gaitas para Alaska dende Arco Iris Musical
www.arcoirismusic.com
Os responsables da tenda Arco Iris Musical, sita en Lugo, investiron 50.000 pesetas na creación da súa web. Disto hai case seis anos. Hoxe o mantemento da páxina custa 30 euros ó mes. Agora, arcoirismusic.com recibe dous ou tres pedidos tódolos días. Chegan dende Galicia e doutros lugares do estado, pero tamén de todo o mundo: Francia, Chile, Arxentina... ¡ata de Alaska!. A virtude da páxina está na especialización dos seus productos, que fai dela unha tenda case única no mundo, coñecida por moitos membros da "familia" do folk.
Arco Iris Musical ten un historial de 60 anos. Naceu como un bazar familiar, pero dende hai 14 anos dedicouse á venda exclusiva de productos musicais. Hai seis anos, os responsables da tenda pensaron que especializándose en instrumentos tradicionais galegos, a Rede sería un bo escaparate. www.arcoirismusic.com non dispón de "pasarela de pagos", o paso na construcción dunha tenda virtual que posibilita pechar as transaccións pola Rede. Os responsables da web, debido ó carácter artesán dos seus productos, decidiron non introducir esta posibilidade. O medio de negocio é o correo electrónico. Os clientes póñense en contacto coa tenda e fan a súa solicitude. Logo mándanse os pedidos cobrando dun xeito similar ó da televenda. Así, aínda que tecnicamente non podemos falar de comercio electrónico, si estamos ante un negocio que emprega a Rede para vender. A web está a dar un bo rendemento económico , pero tamén está levando a imaxe da tenda e da música tradicional galega por todo o mundo. Como anécdota, os responsables da empresa comentan que este verán chegou a Lugo un profesor universitario xaponés. Viña de viaxe a Salamanca cos seus alumnos. Un bo día, o profesor decidíu deixar sós os seus alumnos por algunhas horas. O home achegouse a Lugo para ver a tenda física de instrumentos tradicionais galegos, da que xa coñecía a súa versión electrónica. E mercou unha gaita.
|