Inicio Centro | Cooperación | Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
     
Inicio | RevistaEnegocio03 | EstudioCaso    


LONXANET.COM: a lonxa que pesca na Rede

Un grupo de confrarías galegas, unidas para distribuír a súa producción e garantir a frescura, a calidade e a orixe dos seus productos, integran Lonxanet. Esta iniciativa empresarial galega, coas instalacións comerciais en Madrid, aposta polas novas tecnoloxías para solventar o problema da comercialización na pesca artesanal galega.

Tradición vs Tecnoloxía Catro confrarías galegas iniciaron hai dous anos un ambicioso proxecto chamado Lonxanet. A semente da iniciativa poñíana os estudios sobre xestión de peixerías dun equipo da Universidade da Coruña, formado, entre outros polo antropólogo sociocultural, Antonio García Allut e Juan Freire, biólogo mariño. Pouco tempo despois incorporouse Michael de José, economista, que lle deu unha forma empresarial a todo o proxecto. Lonxanet é unha lonxa virtual común na que o cliente pode mercar peixes e mariscos de primeira calidade e telos en menos de 24 horas en calquera punto de España. Esta iniciativa, única en Europa, e con vocación de provocar un cambio estructural no sector pesqueiro galego, empezou coas confrarías de Cangas, Lira, Porto do Son e Muxía, e ampliouse máis tarde coas confrarías de A Coruña e Cedeira.

O obxectivo de Lonxanet aséntase sobre a idea dunha pesca sostible e responsable no sector artesanal de baixura, máis acorde ás demandas reais do mercado. Segundo explica Allut, a inestabilidade dos prezos en primeira venda provoca unha incertidume no pescador, que captura todo o que pode para garantir os seus ingresos. A sobreexplotación dos recursos mariños trae consigo unha crise pesqueira a tódolos niveis: o pescador non obtén o valor real do mercado polos seus productos e o ecosistema mariño vese moi empobrecido.

A variabilidade dos precios vén marcada por un proceso de intermediación con diferente lonxitude da cadea, de xeito que pode haber ata cinco actores diferentes que se van quedando coa marxe comercial ata que o producto chega ó consumidor final. A comercialización é, pois, un aspecto clave para atallar esta crise.

POSICIONARSE EN INTERNET PARA O FUTURO
Paradoxicamente, o modelo teórico de Lonxanet púxose en marcha durante a crise das empresas puntocom e cando había unha desconfianza xeralizada sobre todo o que tivese que ver coa Rede. Vendo máis alá do presente e pensando en Internet como un instrumento que podía dar moito de si no futuro, foron as propias confrarías as que se animaron a poñer en práctica o proxecto, como unha saída á crise que estaban a sufrir.

As confrarías, xunto ó equipo fundador, contan co 51% do capital da sociedade.Ó participaren nos beneficios da empresa, as confrarías camiñan cara a súa capitalización. As perspectivas de futuro da compañía son amplas, segundo afirma Michael de José: "queremos facturar ó menos quince millóns de euros dentro de cinco anos, e a evolución dos resultados ata hoxe indica que o lograremos”.

OS CLIENTES DE LONXANET
Máis de vinte categorías de marisco e peixe galego integran o catálogo de productos de Lonxanet. O 90% da clientela actual é a Hostelería e a Restauración (B2B), a maioría do sector “gourmet”, mentres que o 10% restante componse doutros maioristas (B2B) e consumidores finais (B2C). A maioría está en Madrid (270 restaurantes, o que supón arredor do 40% do total dos clientes), pero tamén en Valencia, Alicante, Cataluña, Ibiza, País Vasco ou Aragón.

Datos do Proxecto

Empresa:
Lonxanet Directo S.L.

Proxecto:
Lonxa virtual
Empresa a Empresa (B2B) e Empresa a Cliente (B2C).

Obxectivo:
Agrupar as confrarías nunha sociedade para optimizar a comercialización dos productos, proporcionando ó cliente un valor engadido.

URL:
www.lonxanet.com

Capital actual:
550.000 euros, desembolsados en dous tramos.

Comezo do servicio:
20 de novembro de 2001.

Usuarios:
Sector “gourmet” da Restauración (90%) e clientes finais

Formas de pago admitidas:
Transferencia bancaria, contrarrembolso ou tarxeta de crédito.

 
Revista


[Anterior - Editorial]

[Seguinte - Loxística en Lonxanet]

 

     

Cooperación | info@e-negociogalicia.com | A Súa Opinión