|
A denominación de orixe galega, tamén na Rede
|
|
|
|
|
Terronbodas.com: organizar unha voda sen saír de casa
Terrón é unha empresa galega con máis de vintecinco anos de historia adicados ó interiorismo e á decoración, que sempre apostou pola innovación e as novas tecnoloxías. Deste xeito, no ano 1999 puxeron en marcha a web www.terron.es. Nun primeiro momento, esta páxina web destinouse soamente á promoción da marca, presentando a empresa e os seus servicios. Nestes anos, a web de Terrón foi, pasiño a pasiño, ofertando cada vez máis contidos, sempre co obxectivo de poñer a andar unha tenda de comercio electrónico, estado no que se atopa actualmente.
Sen embargo, o ano pasado, Terrón deu un salto cualitativo na súa oferta de servicios creando unha nova páxina web: www.terronbodas.com, que naceu para ampliar e mellorar o servicio de listas de vodas que dende hai anos xa ofrecía nas súas tendas físicas. A idea é sinxela: permitir ós convidados dunha voda o acceso ás listas de vodas e mercar un agasallo, de xeito que os noivos poden en calquera momento ter acceso á súa lista de vodas e ver os agasallos que lles mercan. A web foi medrando ata convertirse nun portal [?] sobre vodas, con servicios como editor de invitacións, buscador de igrexas, consellos para noivos, etc. Nestes momentos, terronbodas.com está ampliando a súa sección "organiza a túa voda", onde existe dende un directorio de empresas relacionadas coas vodas ata proxectos de decoración on-line, selección de música, etc.
www.terronbodas.com
As confrarías galegas colocan o seu stock en Lonxanet
Moitas confrarías galegas de pescadores e mariscadores atópanse co problema da mala comercialización que se fai do seu producto, o que deu pé á creación de www.lonxanet.com, unha web que vende marisco e peixe a restaurantes e consumidores finais. A idea partiu da Universidade da Coruña, onde Juan Freire (biólogo mariño), Antonio Allut (antropólogo social) e Michael de José (economista) descubriron a necesidade de axudar a un sector con dificultades para colocar o seu stock. Así, crearon unha páxina web de comercio electrónico dirixida a restaurantes e ó consumidor final onde se pode mercar e recibir marisco e peixe nun prazo medio de dezaoito horas e un máximo de vintecatro.
Aínda que todo o proceso de compra (incluído o pago) se pode realizar on line, decidiron ademais dar a oportunidade ós clientes de empregar un número de teléfono no que realizar os seus pedidos. As confrarías que participan no proxecto son as de Muxía, Lira, Porto do Son, Cangas, Coruña e Cariño. A parte comercial de Lonxanet xestiónase en Madrid e SEUR encárgase da distribución do producto. Segundo din en Lonxanet, este ano agardan acadar unha facturación arredor dos 2.100.000 euros (case 350 millóns de pesetas). Recentemente, www.lonxanet.com foi galardoado co premio CEL 2002 á innovación loxística.
www.lonxanet.com
Madeingalicia: intercambio empresarial de valor engadido
En xullo de 2000 naceu Madeingalicia, unha iniciativa empresarial que tenta liderar en Internet o comercio electrónico entre as empresas fabricantes de Galicia. Esta empresa está composta por un equipo de profesionais especializados en diversos campos (ámbitos empresariais, enxeñeiros de telecomunicacións, informática e especialistas en deseño e comunicación). Ademais, contan co apoio de varias empresas privadas especializadas en servicios de grande valor engadido, así como o apoio de organismos e institucións vencelladas ó mundo da empresa.
Madeingalicia constituíuse como unha empresa de servicios orientados ó comercio electrónico B2B en Internet, que pretende asociar a tódolos fabricantes de Galicia. Para iso estableceron nove comunidades de negocios para cada un dos grandes sectores de actividade.
As empresas asociadas poden establecer contactos comerciais e buscar e intercambiar información sectorial nos diferentes mercados mundiais na Rede, con intercambios e acordos con portais [?] de características semellantes. As empresas que se acheguen a esta web poden participar en foros [?] de debate sobre temas que afectan ó seu sector de actividade e, como non, vender e mercar calquera producto, de empresa a empresa. En resumo, trátase dun centro de negocios onde o servicio de intermediación adquire un alto valor engadido, propiciando a venda e a compra de productos dos asociados a MadeinGalicia.
www.madeingalicia.com
|
|
|
|
Revista
|
|
| |
|
|
|
|
| |
| |
|
|