|
A vocación de servicio do Centro de Competencias en Comercio Electrónico impulsa as áreas de soporte e promoción. Asesorar ás empresas no tocante ó comercio electrónico e difundir contidos útiles e información estratéxica compoñen os obxectivos fundamentais destas dúas áreas.
O carácter emprendedor de Galicia tradúcese no alto número de PEMES que existen na nosa comunidade, moitas delas con inquedanzas cara ás novas tecnoloxías e ó negocio electrónico. Sen embargo, estas inquedanzas non sempre se converten en accións concretas debido ás barreiras que para unha PEME supón a adopción de procesos de negocio on-line.
Precisamente, para que estas iniciativas non caian en saco roto, o Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia pon en marcha a área de soporte ou “helpdesk”. Esta área de soporte nace con vocación de servicio ás PEMES, o que se traduce nunha iniciativa que aportará asesoramento e información ás empresas galegas interesadas en aplicar as TIC ó seu proceso de negocio, xa sexa vendendo os seus productos a través de Internet ou adquirindo mercadorías ós seus provedores mediante as redes interactivas.
Pero, ademais de aportar información, a área de soporte pretende poñer en contacto necesidades con solucións, é dicir, empresas e iniciativas de comercio electrónico con provedores destes servicios. Este servicio de soporte terá a súa posta en escena cun teléfono de información para as consultas das PEMES sobre o emprego das TIC e a súa integración no sistema de negocio. Este servicio complementarase con accesos a través de Internet.
Sensibilización, un labor necesario.
A xeneralización do emprego de Internet e a percepción das transaccións on-line como unha opción común axudarán ódesenvolvemento do comercio electrónico. Por iso cómpre desenvolver un labor de sensibilización e promoción das TIC e o negocio electrónico na nosa comunidade, dirixido tanto ás pequenas e medianas empresas como á sociedade en xeral.
Para isto, o Centro, empregará fundamentalmente tres armas
- A revista “e-Negocio Galicia”, que con carácter mensual chegará a preto de sete mil empresas galegas.
- A páxina web www.e-negociogalicia.com, que reflectirá a través de Internet os contidos e a filosofía do Centro de Competencias.
- Conferencias, que se van celebrar nas sete principais cidades de Galicia.
O labor destas plataformas, ademais das conferencias programadas polo Centro, centrarase na difusión de contidos e coñecementos de utilidade para empresarios con inquedanzas no campo das novas tecnoloxías, á vez que fomentará ideas e iniciativas relacionadas con Internet nas empresas da chamada "economía tradicional".
|