|
Galicia, Pomerania (Polonia) e Chipre son as tres rexións participantes no proxecto e-MINDER. Esta iniciativa ten como obxectivo principal o fomento e a axuda ó desenvolvemento do comercio electrónico e das novas tecnoloxías nas rexións periféricas e menos desenvolvidas de Europa, que arrinca coa creación dunha Rede Europea Rexional de Centros de Competencias.
O proxecto europeo e-MINDER nace coa intención de achegar ás PEMES (pequenas e medianas empresas) os novos saberes tecnolóxicos que demanda a chamada "Sociedade da Información", sobre todo no que respecta ós procesos de comercio electrónico. As tres rexións participantes no proxecto, Galicia, Pomerania (Polonia) e Chipre, teñen características comúns: un nivel pouco desenvolvido en canto ó uso e aplicación das TIC (Tecnoloxías da Información e das Comunicacións), as PEMES como modelo de empresa predominante e unha localización xeográfica periférica. Con estas premisas, a principal misión do proxecto e-MINDER é detectar as necesidades reais destas rexións dende un punto de vista tecnolóxico, pero tamén social e económico, para activar iniciativas de comercio electrónico e así diminuír as desigualdades entre as rexións máis e menos desenvolvidas de Europa no tocante ó uso das TIC.
Os obxectivos globais que persegue o proxecto e-MINDER son
- Apoiar a introducción das PEMES nos procesos de negocio electrónico establecendo centros de competencias en comercio electrónico en cada rexión participante.
- Ofrecer coñecemento útil e obxectivo sobre novas tecnoloxías ás PEMES, de xeito que poidan integralo nos seus procesos de negocio.
- Difundir as actividades dos centros e sincronizalos con outros centros que obtiveron resultados positivos.
- Ó remate do proxecto, os centros elaborarán un manual de referencia cos pasos que seguiron e os resultados acadados, coa intención de que sirva para a creación dunha Rede de Centros de Competencias noutras rexións de Europa.
O proxecto e-MINDER conta cun presuposto de 4.345.318 euros,dos cales 1.670.814 van destinados á comunidade galega.
|