O mercado da emigración na Rede
|
|
|
Por Jorge Carregal Fernández (jcarregal@e-negociogalicia.com).
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (www.ige.xunta.es), Galicia tiña a 1 de xaneiro do 2001 unha poboación total de 2.732.926 habitantes, repartidos entre as catro provincias do seguinte xeito: A Coruña 1.108.002, Pontevedra 916.176, Lugo 364.125 e Ourense 344.623. Se comparamos estes datos cos datos de residentes galegos fóra da nosa comunidade proporcionados polas casas de Galicia ó diario La Voz de Galicia no ano 2000 atopámonos con circunstancias que cumpre ter en conta, por exemplo, a poboación galega en América, 554.100 persoas, é superior tanto á de Lugo coma á de Ourense.
Os datos recollidos por La Voz de Galicia (www.lavozdegalicia.com) indican que o total de galegos residentes fóra de Galicia ronda a cifra dos 1.300.000. Esta cantidade de xente atópase repartida polo mundo do seguinte xeito: 504.000 noutras comunidades españolas (Madrid 150.000, Cataluña 150.000, Asturias 80.000, ...), 554.100 en América (Arxentina 280.000, Venezuela 100.000, Brasil 95.000, ...) e noutros países de Europa 248.500 (Alemania 90.000, Suíza 55.000, Francia 50.000, ...).
Para calqueira empresario poder chegar a todo ese mercado composto por máis dun millón de persoas constituiría unha importante fonte de negocio. Hai que ter en conta que, pese a que os emigrantes galegos se atopan repartidos por todo o mundo, polo que as súas circunstancias son moi diferentes entre sí, existe un nexo vital que os une a todos eles, un nexo que en certo sentido os convirte nun grupo homoxéneo. Este nexo atópase precisamente no súa condición de galegos emigrados, de persoas que non viven no seu lugar de orixe e que senten morriña, un sentimento puramente galego.
A canle que hoxe en día permite cubrir en potencia todo ese colectivo de persoas repartidas polo mundo é Internet. Unha das características fundamentais da Rede é que deslocaliza, é dicir, unha persoa pode atoparse físicamente en Galicia, outra en Madrid, outra en Suiza e outra en Arxentina, pero sen embargo no espacio virtual estas catro persoas atópanse no mesmo lugar, coa capacidade de navegar polos mesmos sitios.
Gracias á Rede unha empresa pode cubrir potencialmente todo o mundo, pode chegar ós 665 millóns de persoas que segundo cálculos da Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento haberá a finais de ano conectadas a Internet. Agora ben, é evidente que hai que idear estratexias para segmentar este mercado potencial podendo deste xeito encontrar un mercado adecuado ás capacidades da propia empresa.
Neste punto de segmentación de mercado é onde o factor emigración pode cumprir un importante papel dentro da estratexia dunha empresa galega que traballe no mundo do comercio electrónico. Isto non significa que se olviden outros posibles mercados, como o español, senón que quizáis pode ser mellor centrarse neste da emigración e ó mesmo tempo non olvidarse dos demáis posibles, pero si situándoos como secundarios.
Tamén, á hora de considerar o colectivo galego emigrado como o mercado obxectivo prioritario da estratexia dunha empresa na Rede, hai que ter en conta o tipo de productos que vende a propia empresa. É plausible pensar que existe un tipo de productos que se poderían vender dun xeito máis sinxelo que outros. Estes productos que quizáis terían máis facilidade de ser vendidos a través da Rede entre os emigrantes serían aqueles que terían que ver co sentimento de morriña, por exemplo, artesanía galega, libros galegos, gastronomía autóctona, etc.
Aquela empresa que unha vez teña decidido facer do colectivo emigrado o seu mercado prioritario na súa estratexia na Rede (tendo por tanto incluído a súa páxina nos buscadores máis frecuentados polos emigrantes, tendo tamén entrado en contacto coas diferentes casas de Galicia difundidas polo mundo, etc) ten que ter moi claro que vai recibir pedidos de todo o mundo, polo que vai necesitar dun bo sistema de distribución dos seus productos, unha organización que permita non só fidelizar ós seus clientes senón tamén crear unha marca coñecida dentro do seu mercado. Isto non é outra cousa que facer un bo servicio non só na venta senón tamén na postventa.
A idea é que Galicia conta cun número moi importante de persoas que viven fóra da súa terra e que nun número cada vez máis importante están empregando a Rede para manterse en contacto cos seus orixes. Estas persoas contan cun nexo que os convirte nun grupo diferenciado dentro do espacio deslocalizado da Rede, polo cal, gracias á propia Internet, constitúen un mercado que pode ser aproveitado polas empresas galegas. A cuestión é saber definir a estratexia, dar un servicio cuidado e traballar con imaxinación.
|
|
|
|
Observatorio
|
|
| |
|
|
|
|
| |
|
|
|