Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia

 

Inicio

Índice

Internet

B2C

B2B

Tenda Virtual

Seguridade

Marketing

Loxística

Aspectos
xurídicos

Iniciativas
Galegas

Formación | Comercio-e

7.- Medios de pago

7.1.- O TPV

A pasarela de pagos ou TPV virtual (Terminal Punto de Venda) é un sistema semellante ó das TPV que hai nos establecementos comerciais tradicionais e que se empregan para que os clientes podan pagar con tarxeta. A diferencia radica en que a pasarela de pagos dunha web é un programa informático proporcionado por unha entidade financeira que permite a aceptación de pagos por Internet feitos por tarxeta de crédito.

En Galicia, ofrecen este servicio diversas entidades de aforros e bancos, que habitualmente adoitan a cobrar unha porcentaxe por cada transacción que se fai empregando a TPV Virtual. Este medio de pago é empregado fundamentalmente no negocio con particulares, é dicir, no B2C.

¿COMO FUNCIONA?

O cliente introduce os seus datos persoais na páxina web, que logo lle solicita os datos bancarios (por exemplo, o número de tarxeta de crédito). É unha comunicación crítica no proceso xa que, nese momento e con esta información, a TPV conéctase coa entidade financeira da tenda virtual para verificar os datos facilitados polo cliente e proceder a validar os datos do pago. É neste momento cando a entidade financeira intervén para autorizar ou denegar a operación. Ademais, a entidade financeira propietaria da TPV virtual facilita á tenda de comercio electrónico a posibilidade de consultar as operacións autorizadas, e mesmo lle da a capacidade para revocar algunha compra xa autorizada. Pódese dicir que a TPV virtual é onde ten lugar a transacción de pago completa.

 

SEGURIDADE NO PAGO

Todas estas comunicacións entre a tenda, o cliente e a entidade financeira realízanse, como xa vimos dixemos, baixo un servidor seguro.

¿COMO SE INSTALA?

Incluír na nosa web a pasarela de pagos é un proceso relativamente sinxelo, pero que require pequenas modificacións para que a TPV virtual poda conectarse coa entidade financeira de forma segura. Para conectar a TPV virtual ou pasarela de pagos coa nosa web é necesario primeiro contratar este servicio cunha entidade financeira.

¿CANTO CUSTA?

As dúas principais caixas de aforros galegas, CaixaGalicia e Caixanova, ofrecen este servicio para o cobro e pagos en Internet con tarxeta de crédito/débito. Este sistema liquida e ingresa de xeito automático as vendas realizadas. No caso de CaixaGalicia, o servicio non ten custo de instalación ou mantemento. O único custo é o desconto comercial que se aplica a cada operación realizada pola TPV virtual, e que oscila entre o 1,9% e 3,5%, segundo a actividade do comercio. Para contratar a TPV só é necesario ter conta aberta en CaixaGalicia e firmar un contrato de TPV virtual. No tocante a Caixanova, o único custo para o comercio é a comisión correspondente a cada venda realizada a través da TPV Virtual, calculada en base a unha estructura de custos semellante á aplicada nas vendas por TPV física. Os bancos e outras entidades financeiras tamén facilitan o servicio de pasarela de pagos.

7.2- Transferencia Bancaria

O funcionamento é sinxelo. No proceso de compra, a empresa fai público na súa web o seu número de conta nunha entidade financeira. Logo, o cliente fai o abono da compra, tras rematar a operación on line, e ingresa os cartos na conta da empresa. Esta, unha vez confirmado o ingreso e cos datos da compra na man (facilitados a través da web), procede a realizar o envío da mercadoría. A vantaxe deste método de pago é o aforro de custes para a empresa, xa que é o cliente o que se fai cargo do custo da transferencia. Na súa contra, pódese obxectar que require unha grande dose de confianza por parte do cliente, que fai o pago antes de recibir o producto mercado.

O contra reembolso é un dos medios de pago preferidos polos compradores. Este servicio consiste no cobro da venda xusto no momento da entrega ó cliente final, nunha operación na que o operador de loxística se encarga de cobrar e de facerlle chegar logo os cartos á empresa. Son varias as empresas que proporcionan este servicio: Correos, SEUR ou UPS, entre outros.

No caso de Correos, unha tarifa orientativa para un envío nacional contra reembolso de menos dun quilo custa 5,9 euros, ó que lle hai que engadir un 2,02% sobre o total do importe da venda. Pola súa banda, UPS ten unhas tarifas distintas para envíos nacionais: o cargo por cada entrega supón o 5% do importe do reembolso ou ben un cargo mínimo de seis euros. A isto, hai que engadir o custo de envio

7.3- Paypal

O pago mediante cartos electrónicos consiste en esencia nun sistema que permite transferir diñeiro dende unha conta bancaria a unha conta de cartos electrónicos, a través de Internet. Logo, con estes "cartos electrónicos" pódense pagar as compras en tendas on line ou mesmo enviar diñeiro a outros usuarios deste sistema. Un bo exemplo deste medio de pago é o Paypal (www.paypal.com). Co Paypal, o cliente pode enviar cartos a unha empresa (ou a outro particular), descontando os cartos da súa conta electrónica que, previamente, os descontou da súa tarxeta de crédito. A principal vantaxe deste método é que se adapta perfectamente ós pagos de pouco importe (o seu funcionamento pódese comprobar no cadro). Outros exemplos de cartos electrónicos son o Cybercash (www.cybercash.com) e o Digicash (www.digicash.com).

7.4- Pago a través do móbil

A xeralización dos móbiles motivou que operadoras de telecomunicacións e entidades financeiras apostaran por este medio de pago. No 2002 púxose en marcha no noso país o pago por móbil que, de momento, non está moi extendido, ó contrario que en Gran Bretaña. O pago por móbil dá dúas opcións ó cliente: - Aboar a compra cun sistema de pago baseado en tarxetas de prepago (como as tarxetas telefónicas). Debe ter asociado o móbil á tarxeta. - Aboar a compra cun cargo á tarxeta de crédito, previa confirmación telefónica do pago. Debe ter asociado o móbil á tarxeta/conta bancaria. Para ter a posibilidade de cobrar con este sistema, a unha tenda on line chégalle con ter unha TPV Virtual e adaptala cun software específico. O funcionamento pódese comprobar cun exemplo: o cliente merca na tenda un producto e a web dalle un número de referencia. Logo, chama ó servicio de pago por móbil marcando a referencia, o sistema fai o cargo e avisa ó cliente e á empresa do abono. En España, existen dúas empresas de pago por móbil: Mobypay (www.paybox.es) e Paybox (www.paybox.es).


7.5.- Outros xeitos de pago

Existen ademais outros medios de pago no comercio electrónico, aínda que están menos extendidos. Moitos deles teñen máis presencia no negocio entre empresas (B2B). Entre estes procedementos están a domiciliación bancaria, o adeudo en conta on line, os pagarés ou os cheques electrónicos. Estes últimos, baséanse no funcionamento dos cheques tradicionais, e poden consistir en algo tan simple como enviar un e-mail ó vendedor autorizando a sacar cartos da conta, con certificados e sinaturas dixitais asociados. Pola súa banda, co adeudo en conta on line (facilitado por algunhas entidades financeiras), un cliente pode cargar unha compra on line na súa conta bancaria sen empregar máis datos ca unha clave

<< Anterior
www.e-negociogalicia.com | info@e-negociogalicia.com
Avda. de Vigo s/n, Edif. CESGA (Campus Sur), 15706 Santiago de Compostela Tel.: 981 569810 Fax: 981 594616